SONO. A NOITE ALTERNATIVA DE ESTRELLA GALICIA

“En actividades de calqueira xénero, especialmente culturais, é aquelo que se contrapón ós modelos oficiais comunmente aceptados”. Así define a RAE o termo «alternativo», e se temos en conta a coincidencia co concerto dos Foo Fighters, o mércores pola noite, entenderemos por qué SON, a promotora de concertos de Estrella Galicia, bautizou o seu evento no Teatro Lara co suxerente nome La noche alternativa de Estrella Galicia. SONO: un soño, o dunha noite de verán en Madrid. E resultou ser, en efecto, algo máis cunha simple noite de concertos. Cataloguemos ou non o que soou no Teatro coa etiqueta de música alternativa, o que está claro é que o modelo de directo que alá experimentamos, e co que nos sorprenderon, é innovador e novidoso ou, alomenos, pouco habitual. Un concerto convencional (The High Llamas), un espectáculo músico-tribal (Esben & The Witch), unha sesión de sombras analóxicas (The Suicide Of Western Culture), e outra, a dunha reciclada EME Dj, que foi intercalada cos concertos mentres todos cenabamos.

E é que por momentos pensei que a música estaba a ser o de menos. Porque señores, todo aquilo foi organizado por galegos, e como é norma entre eles, das súas casas os invitados non saen con fame. Mexillóns, empanada de xoubas, salpicón de marisco, presentado nunha enxeñosa tarrina, chupitos de gazpacho e allo branco, xamón (do bo), pans, espetos de froita en sopa de laranxa aromatizada con vainilla, tarta de améndoa con inxección de crema de augardente… e moitas, pero que moitas, cervexas. Na noite alternativa, créanme, víronse máis Estrellas no interior do Lara que no firmamento acalorado da noite de Madrid. A escusa, por buscar algunha, puido ser o lanzamento, xa fai uns meses, de Estrella Artesana, unha cervexa de menos graduación, especial para as comidas, en cuxa creación colaborou nada menos que Pepe Solla, seguramente a figura máis importante da nova gastronomía galega, e nacional. Entre The High Llamas e Esben & The Witch destapouse a verdade da noite alternativa: todo aquelo era un cóctel encuberto, e con moi boa música.

Os concertos, de tódolos xeitos, e aínda que en absoluto foron o de menos, resultaron un tanto estraños. A orde lóxica das cousas fixo que The High Llamas abrira a noite, co seu apacible son, co seu público particular; Esben & The Witch, o principal motivo da miña asistencia, pillounos a todos coa dixestión a medio facer, e a atmosfera que crearon, sobrecolledora por momentos, semellou máis un pesadelo, con espectacular banda sonora, iso sí, que a apracible noite de verán que viñamos vendo ata entón. O de EME Dj, entre tanto camareiro de etiqueta que non paraba de sacar comida e cervexas, tamén resultou chocante aínda que sorprendentemente estimulante e bo. E para rematar unha noite insólita, alternativa se se quere, dúas sombras invadiron o que quedaba do Teatro, xa a iso das 2, para regalarnos unha electrónica épica, galáctica e infinita. Eran The Suicide of Western Culture.

High Llamas, á marxe de gustos, tocou fenomenal. Sean O´Hagan, o seu líder, e antigo integrante de Stereolab, ten táboas des obra sobre un escenario. Nada que ver con aquilo: leva 20 anos co nesta banda e fai unha música que pode transportar a un distraído oínte á época do primeiro rock inglés, de aquel pop-rock inocente, alegre e despreocupado que os Beatles popularizaron. As melodías, o ton, o xilófono, o banjo, a idade media dos seis músicos e as leves pinceladas de folk clásico americano que exhibiron, falan dunha banda que non se rende á modernidade. En este senso, estrañoume veles na noite alternativa.

Pero a verdadeira boa nova da noite do mércores, á marxe das tres horas íntegras de Foo Fighters ao outro lado da Castellana, foi o debut en España de Esben & The Witch. O trío de Brighton estivo espectacular, moi por riba das miñas expectativas. Trala decepción que sufrín co Warpaint no Primavera Sound, temía que estas novas bandas que eu considero fillas do Third (de Portishead) foran só mérito de bo estudio, produto de produción. A intensidade do concerto, o denso e potente son, e a tremenda caracterización de cada unha das cancións, axiña me fixeron comprender que Esben & The Witch son unha realidade; con atmosfera de mal soño, de onírica trascendencia, pero real ao fin e ao cabo.

Presentaban Violet Cries, o seu álbum debut, editado a finais de xaneiro polo prestixioso selo independente Matador Records; e presentábanse eles. Resulta fascinante ver a estes mozos facer música. Ao redor dun timbal e dun simple prato, aporreados sen piedade, e sempre sobre bases de samplers e sons escuros, tres cordas ceden ao baile do post-rock, ao meigallo dun trip-hop caducado, entrecortado, e máis tétrico que nunca.

0s tres viven o seu propio concerto, a súa particular cerimonia en torno ao lume redentor da música: Thomas Fisher toca a guitarra e prepara as bases, e Daniel Copeman, coa melena tapándolle toda a cara, guitarrea ó máis puro estilo shoegaze, e participa, xunto coa súa atractiva compañeira, nunha básica percusión, con auténticas tinguiduras de tenebrosa espiritualidade. E Rachel Davies, a baixista feiticeira da banda, entre percusión e corda, demostra ter a voz ben posta. Aferrada ao micro coa teatralidade de Beth Gibbons, e acorde ó espectáculo escénico da banda enteira, desprega un torrente perfecto e poderoso, un ton que se acha entre a firmeza e a seguridade, e o máis absoluto terror pola natural incerteza das nosas vidas mortais.

O primeiro single, ‘Marching Song‘, ‘Warpath‘ e ‘Eumenides‘, canción coa que pecharon o show, nunha apoteose de percusión final, soaron especialmente ben. Calquera diría que os músicos fan pouco sobre o trasfondo da base, pero resgar unhas cantas cordas e aporrear un prato e un simple timbal, ás veces, pode resultar un exercicio de auténtico hipnotismo musical. E cando iso pasa, resulta fascinante. A ver cómo se portan noutro tipo de escenario; a ver que fan no Paredes de Coura.

A noite pechárona os mozos de The Suicide of Western Culture, unha parella de misteriosas personaxes encapuchadas: dúas sombras sobre unha gran mesa chea de aparellos electrónicos procedentes doutra época, mesmo de outra galaxia. Os amantes de Boards of Canada, Neu! ou Crystal Castles, terían gozado con eles. Electrónica contundente pero diáfana, pesada pero á vez moi volátil, coma se non lle afectara esa irremediable forza de gravidade que ós habitantes da Terra nos mantén pechados no limitado e, ás veces, aburrido chan.

Non obstante, noites coma a do mércores no Teatro Lara, que aparecen no noso horizonte cultural e de ocio como por arte de maxia, sorprendéndonos e divertíndonos, son un bo exemplo do ilimitadas que son as cousas ó nivel do chan. Sobre todo cando en medio de tanto asfalto, e tanta meseta, acudimos á casa duns galegos, que é o que parece ser ultimamente o Teatro Lara.

 

Fotos de Pablo Luna Chao.

Ayuda en la redacción de Carla Gutierrez.

Deja una respuesta

Your email address will not be published.